COLECCIÓN ABANCA. NOVAS LECTURAS.
DIÁLOGOS NO TEMPO E O LUGAR

Museo de León
do 19 de outubro de 2018 ao 6 de xaneiro de 2019
Colección ABANCA. Novas lecturas. Diálogos no tempo e no lugar ponlle o ramo a esta serie de exposicións que se puideron contemplar no Museo de León e faino cunha lectura contemporánea da colección do banco. Os encontros que se suscitan entre as 36 obras seleccionadas de 29 artistas inciden sobre diversas temáticas que teñen unha presenza relevante na pinacoteca, como son a arte e o xogo, a arte como espectáculo, memoria e fantasía, a mirada íntima, a luz e a paisaxe.
A introspección é un dos conceptos que subxace en varias das obras elixidas e unha das relacións que se establecen na mostra a través de creacións como a escultura Laughting chinese man with mirror (1997) de Juan Muñoz, que nos amosa un home que se ri do seu propio reflexo porque se volveu incapaz de recoñecerse a si mesmo e sérvelle ao autor para expresar a súa crítica coa sociedade e a incomunicación actual. Esta idea de reflexión interior tamén se intúe na pintura Después del baño (1904), de Joaquín Sorolla, que forma parte da relación de obras expostas no Museo de León.