A MIRADA CONTEMPORÁNEA.
COLECCIÓN ABANCA

Centro Social ABANCA. Santiago de Compostela
do 24 de xullo 2017 ao 5 de xaneiro 2018
A mirada contemporánea avanza no tempo a través dos fondos de ABANCA para ofrecer unha ampla visión da arte contemporánea española da segunda metade do século XX. Con este fin seleccionáronse 42 pezas entre as que se atopan pinturas, esculturas e obras de técnica mixta de 27 artistas que exerceron a súa influencia nas novas xeracións de artistas a nivel internacional.
A estética do informalismo domina a primeira parte da exposición, con obras de Jorge Oteiza, Eduardo Chillida e Antoni Tàpies compartindo espazo cunha importante representación dalgúns dos fundadores do Grupo El Paso, o principal colectivo artístico xurdido en España na posguerra, como Manolo Millares, de quen se poderán contemplar tres obras, Rafael Canogar, Manuel Rivera e Antonio Saura. O segundo bloque expositivo presenta a expansión da pintura e a escultura desde diversas individualidades. Luis Gordillo serve de punto de partida para revisar a renovación da pintura española dos anos 80, con exemplos de autores como Carlos Alcolea, Miguel Ángel Campano, José María Sicilia ou José Manuel Broto, entre os que ocupa un lugar destacado o mallorquino Miquel Barceló, do que se poderán contemplar dúas obras, Blanc Negre (1984) e Le feu sur la plague (1984).